Entroido

Fargalleiro da Rúa

Fargalleiro da Rúa

O Fargalleiro da Rúa sae cada entroido desde hai 29 anos. Volveu á vida na Rúa vella grazas á Comparsa A Ruada, agrupación cultural  que en 1995 recuperou a máscara e a indumentaria. Isto puido ser posible grazas ao testemuño das persoas máis anciás. 

Os elementos propios desta personaxe son un mantón de cores, con múltiples lazos; camisa e calzóns brancos; un coador como máscara e un pano como sombreiro, ademais dunha vara de madeira con cascabeis e chocos. 

O Fargalleiro sempre saía en entroido ata que estalou a Guerra Civil e esta festa foi prohibida. Como anteriormente sinalamos, foi recuperada máis tarde.

A súa función era a de infundir temor. Saltaba, bailaba e dirixía as comparsas de entroido evitando que as persoas se lles achegasen. 

Unha figura ancestral, unha máscara primitiva que puido ser recuperada e da que actualmente gozamos cada entroido.

Boteiro de Viana

Entroido A Veiga


ENTROIDO A VEIGA-1.pdf

Mázcaras de Buxán (O Bolo)

Mázcaras de Buxán

O Folión de Buxán é anterior ao ano 1900. Os bombos e os sachos ambientan este entroido. Ao son do folión bailan as Mázcaras, que son o elemento máis representativo destas festas. A Mázcara leva un gorro, pucho, en forma de cono , cunha boneca no centro. Adórnano con cintas de diferentes cores e formas.


Boteiro de Viana

Boteiro de Viana

O boteiro é a figura máis emblemática do entruido de Viana do Bolo. As súas funcións están vencelladas aos fulións xa que acompaña á comitiva, anuncia e abre paso. Para apartar ao público pode turrar coa súa parte alta da máscara e tamén trota para facer sons ou efectúa saltos para amosar a súa forza e aspecto.

A elaboración do traxe e a máscara é totalmente artesanal. Leva unha máscara de madeira e unha pantalla de arame e cartón con tiras de papeis de cores. A camisa está elaborada con tiras fruncidas de cores e cosidas a man. O pantalón adoita ser vermello  cunhas campás ou cascabeis que anuncian a súa chegada. Ademais, sempre van cun caxato grande de madeira que utilizan para facer os seus saltos. 

Mázcaras de Manzaneda

Mázcaras de Manzaneda

Os protagonistas do Entroido en Manzaneda son a mázcara, o folión e o touro. A mázcara ten a cara descuberta e colócase na cabeza o chamado pucho (un tocado enorme con cintas e pequenos obxectos moi vistosos) Leva unha mantilla sobre unha camisa branca, polainas da mesma cor con remates de cores e un gran caxato e chocos para facer ruído e levar o ritmo. É o bailarín do folión e parte esencial da festa e segundo os costumes populares a que baila ben ten que facelo sobre a base dunha tega, caixón que servía como medida para o gran. 

O folión é un grupo de embaixadores musicais do Entroido que se envían reciprocamente entre unhas parroquias e outras. Cada folión ten un líder que lle di ao grupo a onde van, onde paran e onde bailan. E tamén levan unha ou varias mázcaras.

Estes grupos tamén levan o chamado touro, representado por un home disfrazado de touro, que carga contra as persoas ao seu paso. Nas paradas recítanse os versos alusivos á familia respectiva e responden invitando a bebidas e doces.

Boteiro de Vilariño

Boteiro de Vilariño

Esta figura do Entroido de Vilariño de Conxo entronca coa tradición doutros protagonistas do entroido da provincia de Ourense. Cada aldea de Vilariño ten un boteiro propio, un home ou muller da localidade.


A súa vestimenta caracterízase por unha camisa branca con cintas de distintas cores cosidas formando formas, sobre a que levan a garavata. Os pantalóns son vermellos con flocos cosidos, cunha fibela con chocos.

A máscara componse de careta, bigote, barba e unha pantalla de forma rectangular con debuxos que varían en cada lugar. 

Na man levan unha vara, coa que abre paso ao fulión,  que se encarga de liderar.



Peliqueiros de Laza

Peliqueiros de Laza

O Peliqueiro é a personaxe central de Laza e aínda que se descoñece a súa orixe, moitos historiadores pensan que pode ser unha representación do antigo cobrador feudal.

A súa forma de vestir e a súa máscara fano moi recoñecible. O Peliqueiro leva unha máscara, que consta de dúas partes, cara e mitra. No seu conxunto, trátase dunha lámina de madeira duns 50x50cm de forma cónica.

Vístese cunha chaqueta e camisa brancas, complementadas con tirantes, faixa, pano, pantalóns de encaixe, medias brancas, zapatos negros e un cinto do que se colgan chocos (unha especie de cencerro ou campá grande). O traxe completo pode pesar uns 15 kg.

Os Peliqueiros comezan moi cedo o seu Entroido. Aínda que poida parecer estraño, en Noitevella, coas badaladas de fin de ano, os mozos de Laza percorren as rúas da vila tocando os chocos e anunciando a chegada do Entroido. A festa anúnciase con meses de antelación.

O colofón da festa tamén está nas súas mans que “azoutan” a todos intentando sacalos fóra da praza. A pesar do mal que soe o de “azoutar”, non hai que ter medo, xa que os Peliqueiros non golpean a ninguén xa que o azoute o dan no chan. 

Cigarróns de Verín

Cigarróns de Verín:

Non se pode falar do Entroido de Verín sen falar da súa figura máis universal: o Cigarrón. É a máscara máis característica e arcaica da comarca de Monterrei.

O seu deseño é recoñecible en calquera lugar de Galicia. Unha máscara feita en madeira e pintada para que destaquen as súas cellas, as súas meixelas rosadas, o bigote ancho e o seu sorriso irónico.

Da máscara colga sempre unha especie de mitra de lata pintada con diversos motivos. A parte traseira da mitra está pechada cunha gamuza de coiro.

En canto á vestimenta, o Cigarrón leva unha camisa branca cunha gravata vermella (actualmente de varias cores) e encima unha chaqueta curta de seda con trenza dourada e adornos.

Na cintura levan unha faixa e encima un cinto de coiro do que colgan detrás deles seis grandes chocas. Cubrindo as pernas levan pantalóns curtos con trenza de la branca e de cores, flecos e borlas, nos que predominan as cores vermellas e verdes. O resto das pernas están cubertas con medias brancas.

Nos pés, calzado común negro. Nas súas mans levan unha zamarra de carneiro ou látego do que pendura un pelexo. Con ela "animarán" á veciñanza e aos visitantes a celebrar a festa ao grande.

A arte dos Cigarróns consiste precisamente en mover as chocas con soltura, utilizando o propio movemento do corpo. Pero antigamente non só desfilaban para facer soar as campás senón que tamén pedían cartos.

Un ou varios Cigarróns podían acurralar aos viandantes e obrigalos a invitalos á taberna máis próxima a tomar unha copa, normalmente un viño.

Os Cigarróns son a alma da festa de Verín, pero non cabe dúbida de que hai moitas outras figuras dos Entroidos galegos igualmente curiosos e famosos.

Pantallas de Xinzo

Pantallas de Xinzo:

O símbolo do entroido de Xinzo é a Pantalla. A súa función é a de vixiar que ninguén estea na rúa sen disfrace. Se alguén non vai disfrazado, as pantallas collerano e terá que pagar unha rolda dunha consumición nun bar.


Como visten as Pantallas? Calzóns brancos longos, camisa branca, capa vermella (ou negra) con multitude de cintas de cores, faixa á cintura, pano no pescozo, luvas brancas, polainas negras con cintas vermellas e zapatos negros.

Non pode faltar o cinto de cascabeis, utilizado para emitir o son característico do Entroido de Xinzo.

Como toque final, a careta de Pantalla, unha máscara rural feita con cartón duro, papeis de xornal e feltro de sombreiro clásico. A base de cola, fariña e auga tépeda moldéase unha cara que lembra á dun demo encarnado amable, ao que lle sae un corno da parte traseira da cabeza que debuxa símbolos animais ou astrais.

Todo o disfrace está elaborado de forma artesanal.

E un imprescindible: dúas vexigas de vaca que, secas e infladas, son os utensilios utilizados para "incordiar" a todos aqueles con quenes se cruzan as Pantallas. As súas vítimas favoritas: persoas sen disfrace. Perseguiranas para que se unan á festa. E, se as cazan, como dixemos antes, tocaralles pagar unha rolda nalgún bar próximo.

Non hai mellores gardiás e recrutadoras de festeiros/as para o Entroido de Xinzo que as Pantallas.

Volantes de Chantada

Volantes de Chantada

Ribeira Sacra conta con outro dos personaxes máis rechamantes e, sobre todo, coloridos do Entroido galego: os volantes.

Estes personaxes levan na cabeza enormes sombreiros cheos de cintas que lle cobren todo o corpo e que varían nunha ampla gama de cores. Tamén é habitual que se poñan flores ou mesmo bonecos vellos no sombreiro.

Os volantes sempre van acompañados dun grupo de gaitas e coa súa música bailan facendo soar as súas chocas e movendo as cintas que saen das súas cabezas cun ritmo case hipnótico para quen os mira.


Oso de Salcedo (Brollón)

Oso de Salcedo

Na Pobra do Brollón, o Oso de Salcedo é unha personaxe emblemática e ancestral que no entroido deixa de hibernar e baixa á aldea na busca das súas vítimas. Os seus axudantes inmobilizan á présa e o oso tísnalles a cara e a roupa.  


Madamas e Galáns de Cobres

Madamas e Galáns de Cobres

O tradicional “Antroido dos Cobres”, segundo escritos da época, remóntase a principios do século XVIII e debe a súa vixencia actual á tradición oral. É un dos máis elegantes de toda Galicia.

Os traxes, a música e os bailes fan que o seu paralelismo co mundo cortesán sexa moi destacado. O día grande é o martes, onde bailan pola mañá e fan xogos populares pola tarde.

Os personaxes centrais do entroido de Cobres (parroquia do concello de Vilaboa) son as madamas e os galáns. Os seus traxes están cheos de abelorios e son moi caros, xa que representan o rango social máis alto.

Outros personaxes deste entroido, representantes doutras clases máis baixas, son os de branco, as aldeás, os coidadores do galo, as choronas ou o predicador.


Xenerais da Ulla

Xenerais da Ulla

A comarca do Ulla (formada polos concellos de Boqueixón, Teo, Touro, Vedra, Santiago de Compostela, A Estrada, Silleda e Vila de Cruces) teñen uns personaxes moi especiais no seu Entroido: os Xenerais do Ulla.

Ataviados con traxes militares de época e montados a cabalo, os Xenerais e os seus Correos percorren as parroquias representando os “atranques”, que son unha clase de batallas dialécticas en parella nas que se burlan de diferentes temas de actualidade. Acompáñanos no seu percorrido diferentes coros, comparsas e parrandas.


Neste curso no IES Lauro Olmo, xurdiunos a oportunidade de facer un proxecto de centro arredor das figuras do noso entroido tradicional. Nun comezo, conseguimos a visita das máscaras de distintos entroidos da provincia de Ourense concretamente o Boteiro de Viana do Bolo, o Boteiro de Vilariño de Conso, A Mázcara de Manzaneda, os Fargalleiros de A Rúa Vella, a Bonita de Sande (Cartelle), a Mázcara de Buxán (O Bolo), O Touro e o Xigante de Celavente ( O Bolo) e o Vellarrón de Riós.  Grazas a todos eles, o alumnado do centro, coñeceu a historia e tradición destas máscaras da man das persoas que se visten con elas e do coordinador e impulsor da ViboMask de Viana e Vilariño, Jorge Domínguez.

Ademais, contamos con algún avó e avoa do alumnado que forma parte dos folións e que se visten dalgúns personaxes, coma o Fargalleiro de A Rúa, que nos contou, entre outras cousas como recuperaron esta máscara e tradición desde hai uns anos.

Os xornais da zona fixéronse eco da noticia:


A partir deste primeiro contacto, o profesorado deulle a cada clase unha figura dun entroido tradicional con distintas tarefas. Tiveron que buscar información, preguntar aos seus familiares... sobre esa figura, para despois, crear un código QR con esa información. Asemade comezaron a realizar as súas propias máscaras co obxectivo de facer un desfile todo o centro e participar nun concurso que premiou distintos aspectos das máscaras elaboradas.

Finalmente fíxose unha exposición na Biblioteca de todas as máscaras feitas polo alumnado. A cada máscara púxoselle un código QR coa información que buscaran nun comezo.