Febreiro
Desde mediados de xaneiro (coa celebración do San Antón) comeza un período de festas que anuncian o fin do inverno (ou polo menos que a metade máis dura xa pasou) e que xa está máis perto a primavera. Son festas que celebran a luz, o amor e o tímido espertar da natureza cara á época de maior fertilidade. Son un conxunto de celebracións con raíces pagás moi antigas que perviviron en diferentes festas cristiás como a Candeloria, o San Brais, o San Valentín ou o Antroido.
O EDLN e o equipo da Biblioteca do Lauro propoñémosvos unhas "Citas (literarias) a cegas" para comezar este mes.
A Candeloria
A "festa das candeas" coincide coa metade do inverno, momento en que medran os días e xa se presinte a primavera. Celébrase a chegada da luz e o casamento dos paxaros. O 2 de febreiro, celebración relixiosa, bendecíanse as candeas que se cría que podían calmar as treboadas e alumear o camiño das almas que deixan este mundo.
Na súa orixe poderían estar a festa celta do Inbolc e as Lupercais romanas. Para saber máis sobre estas festas dá unha olladela ás imaxes da esquerda.
Chíos de amor
Como temos tanta festa relacionada co amor, e porque xa é unha tradición no noso instituto, este ano tamén haberá chíos de amor. Dá o teu mellor para esa persoa amiga, compañeira, coidadora, meiga... en fin, especial.
Nesta pasta tes algunhas escolmas de poemas para te inspirar. E aquí algunhas das citas escollidas.