LUÍSA VILLALTA LETRAS GALEGAS 2024

Luísa Villalta Gómez naceu na Coruña no ano 1957. Estudou na Universidade de Santiago de Compostela e alí licenciouse en Filoloxía Hispánica e en Filoloxía Galego-Portuguesa. Dedicou parte da súa vida profesional á docencia da Lingua e Literatura Galegas no ensino secundario. Era tamén titulada superior en violín, ou violino (como ela lle chamaba sempre a este instrumento). Formou parte da Xove Orquestra de Galicia e da Orquestra de Santiago de Compostela.


Foi unha escritora prolífica e versátil, autora de poesía, narrativa, ensaios, pezas dramáticas e textos xornalísticos en lingua galega. A súa escrita foi premiada varias veces: no certame de relatos curtos Modesto R. Figueirido (1990), por A taberna do holandés; no XIII Premio Espiral Maior (2004), polo seu poemario En concreto; postumamente, recibiu o Premio da Crítica Galega á Creación Literaria (2005) tamén por En concreto, etc.


A súa experiencia musical, sen dúbida, influíu na súa creación literaria. Diso deixou constancia no ensaio O outro lado da música, a poesía (1999) e en artigos como A Música e Nós (2002), Poética: Sobre un certo estado de conciencia (2002) ou A língua dos sons (2003), onde fala da relación entre a palabra e a música e da súa experiencia persoal nos momentos de creación.

Na súa obra tamén estivo presente a consciencia de ser muller, de vivir nunha sociedade onde os homes e as mulleres están marcados de maneira moi diferente polo feito de selo. Así, equiparou Isto é poesía, un ruído provocado. […] Isto é tamén unha muller que resiste, e así, no seu poemario Papagaio –entre imaxes tomadas no transcurso da demolición deste barrio da Coruña coñecido pola prostitución–, os seus textos fálannos da vida das putas, empregando esta palabra sen rubores e con toda a dignidade.


A morte chegou para Luísa Villalta dun modo inesperado, por causa dunha parada cardíaca, o 6 de marzo de 2004. Tiña 46 anos e unha vida chea de ocupacións, proxectos e esperanzas. 

Poesía


Música reservada. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro, 1991.

Ruído. Culleredo (A Coruña): Espiral Maior, 1995.

Rota ao interior do ollo. Lisboa: Tema, 1995.

En concreto. Culleredo (A Coruña): Espiral Maior, 2004.

Papagaio. (Fotografías de Maribel Longueira). Santiago de Compostela: Laiovento, 2006.

As palabras ingrávidas. (Ed. de Armando Requeixo). Santiago de Compostela: Centro de Investigacións Lingüísticas e Literarias Ramón Piñeiro, 2020.

Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004). (Ed. de Armando Requeixo). Vigo: Galaxia, 2023.
(Máis obra poética súa está incluída en antoloxías colectivas)

Narrativa

Silencio, ensaiamos. Oleiros (A Coruña): Vía Láctea, 1991.

Teoría de xogos. Santiago de Compostela: Laiovento, 1997.

As chaves do tempo. Vigo: A Nosa Terra, 2001.
(Máis obra narrativa súa está incluída en antoloxías colectivas)

Teatro

«Concerto para un home só», A Coruña, Cadernos da Escola Dramática Galega, 76 (1989).

«O representante. Monólogos I», A Coruña, Cadernos da Escola Dramática Galega, 85 (1990).

«O paseo das esfinxes», A Coruña, Cadernos da Escola Dramática Galega, 88 (1991).

«As certezas de Ofelia», A Coruña: Deputación, Casahamlet, 1 (1999).

«Os dóces anos da guerra», Revista Galega de Teatro, Vigo, 29 (2001).

Sinfonía de escenas: obra dramática completa de Luísa Villalta. (Ed. de Alexandrina Fernández Otero e Lino Braxe). A Coruña: Edicións Proscritas e A. C. Alexandre Bóveda, 2018.

Ensaio

O Don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral. Santiago de Compostela: Laiovento, 1992.

O outro lado da música, a poesía. Vigo: A Nosa Terra, 1999.

Xornalismo

O libro das colunas. Vigo: A Nosa Terra, 2005.


Bibliografía

Luna, X.: No Pazo de Laiovento. Conversas con Francisco Pillado Maior. Culleredo (A Coruña): Espiral Maior, 2007. 

https://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=4163


A asociación Centro Comercial Aberto (CCA) O Barco colaborou de novo  cos Equipos de Dinamización da Lingua Galega dos centros educativos de O Barco CEIP Condesa de Fenosa, CEIP Julio Gurriarán, CEIP Otero Pedrayo, Colexio Plurillingüe Divina Pastora, IES Lauro Olmo, IES Martaguisela e o CEIP Virxe do Camiño de Rubiá na organización da campaña «Luisa Villalta» para festexar as Letras Galegas 2024.

Os establecementos asociados ao CCA O Barco e participantes na campaña, un total de 40, amosaron nos seus escaparates estrofas de Luisa Villalta decoradas e con selos coa imaxe da autora elaborados polo alumnado dos centros educativos.

Ademais, os cativos da comarca participaron nunha xincana buscando as estrofas nos establecementos e vinculando as mesmas cos encabezamentos indicados nun folleto de participación que selaron en cada establecemento. 

Por outra banda, o alumnado dos centros elaborou pezas para formar un pórtico "O Pórtico de Luísa Villalta" e amosalo no paseo do Malecón. Penduráronse entre as árbores instrumentos feitos polos cativos e profesores con poemas e a biografía da autora homeneaxeada. Por desgraza, durou só un día xa que pola noite houbo un acto vandálico onde esnaquizaron todo o traballo realizado. 

Ao día seguinte, os centros participantes cos Equipos de Dinamización reuníronse diante dos restos do Pórtico para amosar o seu rexeitamento ante o vandalismo.

Os xornais da comarca fixéronse eco desta noticia e traladouse o noso descontento a toda a poboación da vila.


En canto aos actos individuais do centro,  amosamos no corredor da biblioteca a biografía de Luísa Villalta con fotografías  sacadas polo alumnado ás que lle asociaron uns versos da obra da autora coruñesa. Amais, en cada clase vimos a figura desta autora achegando así ao alumnado á Xeración dos 80.